Thursday 02 de May de 2024

Alternativa dos Veciños pide á alcaldesa a aprobación inicial do PXOM de Bergondo


Alternativa dos Veciños convida á súa socia de goberno a levar a pleno a aprobación inicial do PXOM antes das eleccións de maio e garántelle o voto favorable á mesma.

Nunha carta dirixida á alcaldesa de Bergondo -e socia de goberno de Alternativa dos Veciños- Juan Fariña, voceiro municipal da formación e concelleiro de infraestructuras, urbanismo e medio ambiente, convida a Alejandra Pérez a levar ao pleno de xaneiro -ou ou a outro que se convoque de xeito extraordinario- a aprobación inicial do Plan Xeral de Bergondo. Fariña explica que “Entre outras razóns de peso que o xustifican, aínda estamos a tempo de rematar o actual mandato con algo feito con relación ao PXOM e non pechar en falso outros catro anos sobre o particular. Levamos demasiados anos dándolle voltas ao Plan Xeral de Bergondo, vendo ademais coma outros concellos nos adiantan tamén nesta cuestión”. Mais as razóns fundamentais para dar este paso tan importante para Bergondo resúmense e explícanse no seguinte:

– En breve (antes de que remate o ano) recibiremos o documento do PXOM para a aprobación inicial do mesmo. Pois ben, chegados a este punto, dende Alternativa dos Veciños, consideramos que o procedente agora sería -canto antes (podería ser no pleno ordinario de xaneiro ou noutro extraordinario con data a determinar) APROBAR INICIALMENTE O PLAN XERAL DE URBANISMO DE BERGONDO. A pesar do que algunhas posturas xurídicas ultraconservadoras, ultragarantistas ou ultratemerosas puidesen considerar non se precisa contar previamente cos informes sectoriais favorables para á aprobación inicial, senón que basta con telos solicitado todos a todas as administracións ou a todos os organismos que a lei determina como necesarios.

– A aprobación inicial o permite. Xa que calquera corrección, matización, aclaración etc. que outra administración ou organismo esixira neses informes sectoriais teria perfecto acomodo e solventaríase con miras xa á aprobación provisional do plan. E, en todo caso, os informes sempre terán que ser favorables. Que se gaña? Fundamentalmente tempo, xa que agardar a recabar todos os informes favorables -e con eleccións municipais en maio- retrasará todo ata, como mínimo, a finalización do verán de 2023. E non estamos para seguir a perder tempo co Plan Xeral de Bergondo.

– Calquera corrección no sentido do punto anterior tería que conxugarse co estudo, valoración e contestación de todas as alegacións que á aprobación inicial se presenten no prazo de exposición ao público. É dicir, presumiblemente xa será necesario traballar o plan para a aprobación provisional, recollendo aquelas alegacións ou correccións que sexan admisibles. Outras correccións, as emanadas dos informes sectoriais que vaiamos recibindo, xa deberán ser recollidas no documento para a aprobación provisional.

– O equipo redactor do Plan así o está a aconsellar.

– Feita a consulta noutras administracións locais de amplísima experiencia en materia de tramitación de planeamento urbanistico (véxase o caso de Oleiros, por exemplo) non cabe dúbida ao respecto; é perfectamente posible e legalmente admisible aprobar inicialmente o plan de Bergondo canto antes.

– O sensato e aconsellable sería, ao noso modo de ver, que o goberno municipal que xurda das eleccións do vindeiro maio contara xa coa aprobación inicial do plan e seguira a súa tramitación partindo desa base.

En definitiva, podemos e mesmo debemos dar xa un paso decidido neste sentido, e facelo sen medo e deixando de lado a miopía que provoca ás veces o cálculo electoralista.